miércoles, 30 de enero de 2008

Método de Votación

Envia as túas votacións para seleccionar as 7 marabillas do Val do Ouro. Escribe a mailto:radiovaladouro@yahoo.es tres opcións de entre a lista proposta e engade un dato de contacto como un teléfono por exemplo, para entrar no sorteo dunha fin de semana nun Casa Rural da comarca. Participa neste concurso do programa Parolando de Radio Valadouro e Vota!!!

jueves, 8 de noviembre de 2007

Pico de Cadramón


A serra do Xistral separa a comarca lucense da Terra Chá da zona marítima, condicionando coa súa presenza todo o cambio de climatoloxía dun lugar ó outro. A néboa percorre frecuentemente os lugares elevados da serra, deixando a choiva necesaria para empapar extensas turbeiras de praderías, onde habitan cabalos e vacas en liberdade. As turbeiras son características desta zona montañosa, formando unhas terras moi boas para o cultivo, que ultimamente sufriron algún retroceso por culpa da instalación de múltiples parques eólicos no lugar. O lugar máis alto da serra do Xistral e emblema típico e famoso da zona é o pico do Cadramón, dun pouquiño máis de 1.000 metros de altura, berce de múltiples ríos, entre os que podemos destacar o Ouro, o Eume, etc.

O curro de Santo Tomé


Xa na Idade de Bronce domaban os galegos ás “bestas”. O secreto desta tradición aínda se conserva na nosa terra. Entre Xuño e Agosto, todas as fins de semana, hai algún concello galego que celebra a súa propia “Rapa das Bestas”, un rito ancestral que se converteu en espectáculo de interese turístico. A cita é nun curro, recinto tradicional ó cal os propietarios baixan as reses. Nese escenario prodúcese o enfrontamento, no que os gandeiros máis expertos, coas mans baleiras, loitan coa besta até lograr reducila para marcala e rapar as súas crinas. O forcexo convértese nunha festa. A “Rapa das Bestas” celébrase en varias parroquias do Val do Ouro, pero tal vez a súa edición máis representativa e popular ten lugar no curro de Santo Tomé o primeiro domingo de Agosto.

Fraga das Lerias, entre Frexulfe e Cadramón


Cada vez son menos os lugares que conservan unha vexetación autóctona galega, e tamén no Val do Ouro especies estranxeiras, como o eucalipto, están a invadir as terras, por motivos principalmente comerciais. Quedan, a pesar de todo, lugares como a Fraga das Lerias, que conservan toda a intensidade das fragas típicas de Galicia. Na Fraga das Lerias abundan os carballos e outras árbores galegas, formando entre todas elas un intricado paisaxe de pólas e sombras, unha paisaxe case lendaria. Varios regatos percorren o bosque e saltan entre as penas, formando cascadas. Varios barrancos, agochados entre a tupida vexetación, fan rebotar os ecos na natureza na distancia. Aínda nos días de intenso sol, a escuridade domina no interior da Fraga das Lerias, así como a humidade e o frescor.

Capela do Apóstolo Santiago en Lagoa


Esta capela, situada no barrio de Cerdeirido, en Lagoa, data de finais do século XVI, época na que foi edificada por Alonso Canoura, veciño de Recaré. Aínda que a advocación principal da capela é a de Santiago Apóstolo, tamén está vinculada a San Marcos e a Santa Ana. Na entrada existe un gran pórtico franqueado por tres grandes arcos de medio punto. No interior do pórtico, á esquerda da porta principal, hai un pequeno gravado en granito, sobre a parede, no que se reproduce o Calvario, coa Virxe María e San Xoán a carón da cruz de Xesús. No interior podemos destacar o retablo do altar maior, dedicado a Santiago Matamoros, nun estilo barroco moi rexional, e o retablo lateral, renacentista, tamén dedicado ó apóstolo Santiago.

Casa do Pazo de Adelán


Non se debe confundir coa Torre dos Basanta, na mesma parroquia de Adelán, que tamén se atopa incluída nesta lista. A Casa do Pazo de Adelán atópase nunha finca situada nunha zona chá rodeada de suaves outeiros boscosos. Antes estaba amurallada e agora está dividida polas pistas rurais que a atravesan. A planta ten forma de “L”, formada por unha torre no ángulo e dous corpos engadidos. Está fabricada de cachotería de granito e ten un patín de pedra orientado ao poñente. A torre que contén ten tres plantas de altura. A Casa do Pazo de Adelán é un exemplo máis da abundante presenza dos pazos nas terras de Alfoz, e máis en concreto na parroquia de Adelán

Ponte sobre o río Ouro en Vilaúde (Mor)


Situado no centro xeográfico e administrativo do concello de Alfoz, a coñecida como “Ponte Vella” era até non hai moito a principal forma de cruzar o río Ouro. Construída en pedra granítica, catalógase como medieval segundo a época en que foi levantada. Arredor del desenvólvese dende hai moitos anos a vida dos alfocenses, pois atópase moi preto da capitalidade municipal, A Seara. Hai algúns anos a ponte foi movida de lugar, cando se construíu unha ponte nova pola que debería pasar a nova estrada Mondoñedo-Ferreira. Arredor da “Ponte Vella” construíuse entón un área recreativa que aínda existe. Actualmente, xa non é un lugar de paso obrigado ou habitual para os veciños, que ó a cruzan cando pasean á beira do río Ouro.

Praza de Santa María de Ferreira


A vila de Ferreira naceu en torno a un mercado que tivo a súa orixe polos séculos XVIII e XIX. Por aqueles tempos dos inicios da vila ocupaba o centro da mesma unha capeliña, a ermida de Santa María de Ferreira, situada no que hoxe é a Praza de Santa María, que foi derrubada hai uns anos para facilitar a circulación polo centro da vila. Paralelamente ó derrubo da ermida constrúese a actual igrexa de Ferreira, de estilo neogótico. Noutros tempos foi importante a presenza en Ferreira de comerciantes procedentes de Castela e da maragatería. Contribuíron tamén moito os veciños enriquecidos en Cuba a finais do século XIX e principios do século XX. Hoxe o mercado de Ferreira perdeu algo de importancia, pero a praza de Santa María segue sendo o centro neurálxico do Valadouro.

Finca Rioboo en Vilacampa


Como centro dunha explotación forestal propiedade de Miguel Ángel González, a Finca Rioboo é algo así como un refuxio de arte e de paz no medio do monte de Vilacampa. Adquirido hai anos polo seu actual propietario, o terreo contiña os restos dalgunha casa e dunha pequena capeliña, situadas nun lugar próximo a un antigo cruce de camiños entre algunhas das vilas máis importantes da comarca (cruce hoxe sinalado na finca cun cruceiro de pedra). O propietario restaurou a capeliña e construíu un fermoso paseo de pedra adornado con diversas cruces. Cada ano, por Decembro, celébrase no lugar unha popular celebración en honor da Inmaculada Concepción, celebración á que adoita acudir un bo número de xente.

Pazo de Gradaille en Santa Cruz


O Pazo de Gradaílle é propiedade privada da familia De Cora. Está rodeado dun forte muro defensivo, salvo na fachada NO, que dá á estrada. Ten un ancho portalón de granito, cun gran lintel, no que sobresae un escudo cuarteado con varios brasóns, entre eles os dos Bolaño e os dos Saavedra. No interior hai un patio con camelias, laranxos e palmeiras. Constitúe un amplo conxunto formado por dous corpos principais cunha capela arrimada. Está construído con cachotería recebada e pintada de branco, con algunhas pezas de cantería. Consérvanse tamén varios escudos, tanto nas fachadas como no peche do recinto. Pódese considerar case con toda seguridade o Pazo máis vistoso que se conserva no concello do Valadouro.

Finca Galea


É unha finca de seis hectáreas bordeada polo río Ouro, con xardíns, viveiros, un exótico grupo de árbores e un pequeno lago que permite disfrutar dun paseo en barca. Froito da imaxinación desbordante do seu propietario, Emilio Méndez, nesta preciosa finca a auga circula libremente entre a tupida vexetación. Sitúase no centro do idílico Val do Ouro, que fai referencia a antigas lendas galegas. Un muíño hidráulico e un batán rescatados do pasado acompañan ó pazo do século XIX e á capeliña de pedra. O interior da casa conserva a antiga estructura das vivendas típicas galegas, cunha lareira, escura e rural, e moitos obxectos típicos galegos do pasado. Actualmente, unha torre anexa á vivenda contén habitacións, constituíndose como Casa de Turismo Rural.

Pena Abaladoira do Pereiro


Está situada nos montes de A Toxiza, a uns 838 metros de altura. Trátase dunha pedra granítica, de forma irregular, moi parecida á cuncha dunha tartaruga. Mide 4,40 metros de lonxitude, 72 centímetros de altura e 2,18 metros de anchura máxima. Atópase asentada sobre unha rocha viva, que aparece a raíz do chan, sobre a que se apola nun espazo de dous metros cadrados. Para facela abalar é necesario ascender sobre a súa parte superior e cunha lixeira presión sobre un dos seus extremos obsérvase perfectamente a súa oscilación. Semella que se trata dun monumento megalítico destinado ó culto á fertilidade. Destaca a súa forma fálica, con gravados antropomórficos. Ten un peso superior ás 20 toneladas.

Casa de Torre de Basanta en Adelán


Atópase nunha zona axardinada e pechada, cun muro de pedra e entrada cun arco. Posúe dous corpos: un cuadrangular con cuberta a catro augas e con solaina de pedra, e outro constituído por diversas pezas que representan a Torre. A Torre consta de tres plantas, a súa base é cadrada e está rematada, como o resto do pazo, cunha cornixa moldeada e saíntes ameados. Empregouse cantería na torre e nunha fachada principal. A construcción é sólida, observándose tamén o escudo da familia. O pazo foi construído no século XIV pola liñaxe dos Basanta. Actualmente a construcción atópase nun lugar tranquilo, entre os árbores, preto da estrada Mondoñedo-Ferreira.

Via Crucis de Santo Tomé


Subindo dende o fondo do val até a igrexa parroquial de Santo Tomé, que se atopa no alto, a estrada retórcese en varias curvas pechadas. Seguindo o zigzag da estrada, varias cruces acompañan ó camiñante que ascende até o templo. Esas cruces forman o Vía Crucis de Santo Tomé, en torno ó cal cada ano, chegadas as sagradas datas da Semana Santa, os veciños da zona representan escenas da paixón e morte de Xesús, complemento das estampas que, co mesmo motivo, se levan a cabo na igrexa parroquial de Santa Cruz. Non hai moitos anos celebrábase tamén nunha capeliña situada a carón da igrexa de Santo Tomé a festa do Santo Cristo, á que multitude de persoas chegaban ofrecidas dende moitos lugares.

Capela da Nosa Señora do Carmen da Casela en Santa Cruz


A parroquia de Santa Cruz é rica en restos artísticos. Xa citamos a igrexa parroquial un pouco máis arriba. Outro templo católicos de importancia atópase no barrio de Cabanela. Trátase dunha capela dedicada á Virxe María baixo a súa advocación do Carme, que é coñecida entre os veciños como “Capela da Casela”. A súa construcción data do ano 1699, aínda que existe unha referencia documental que sinala que, previamente á súa construcción por parte do seu fundador, don Andrés Sánchez Ribadeneira Aguia re Bolaño, existía xa no mesmo lugar outra capela dedicada, posiblemente, á Virxe dos Desamparados. Nas proximidades da capela houbo noutros tempos un celeiro. O retablo barroco da Virxe do Carme que presidía até hai pouco a capela tivo que ser retirado debido ó seu deterioro.

Capela de Santa Filomena en Cadramón


A construcción desta igrexa data do século XI e até o século XIX funcionou como igrexa parroquial do Cadramón e outras zonas limítrofes. Os muros son de cachotería de granito e a cuberta de lousas. O edificio orixinal constaba dunha nave rectangular e un presbiterio cadrado, con arco trunfal de medio punto. Na actualidade só se conserva o presbiterio, aínda que se pode apreciar o arranque dos muros que pechaban o resto da igrexa. Sobre o arco trunfal conserva unha espadana. No interior da igrexa, no muro esquerdo, consérvanse pinturas murais do século XV, cubertas en parte por capas de cal de épocas posteriores. Na parte exterior do presbiterio consérvase tamén certos detalles decorativos variados, entre eles varios antropomorfos.

Casa Torre de Basanta en Adelán


Atópase nunha zona axardinada e pechada, cun muro de pedra e entrada cun arco. Posúe dous corpos: un cuadrangular con cuberta a catro augas e con solaina de pedra, e outro constituído por diversas pezas que representan a Torre. A Torre consta de tres plantas, a súa base é cadrada e está rematada, como o resto do pazo, cunha cornixa moldeada e saíntes ameados. Empregouse cantería na torre e nunha fachada principal. A construcción é sólida, observándose tamén o escudo da familia. O pazo foi construído no século XIV pola liñaxe dos Basanta. Actualmente a construcción atópase nun lugar tranquilo, entre os árbores, preto da estrada Mondoñedo-Ferreira.

Pazo de Carrocide en Lagoa


Está situado ó longo da estrada e posúe dous portalóns similares de entrada ó recinto, que abarca fincas a un e ó outro lado do río Ouro. Conserva un arco de pedra de cantería nos restos dun muro que rodeaba as fincas do pazo, con tres remates na parte superior. A súa planta é moi alongada, formada por gran cantidade de corpos arrimados, presididos por dúas torres coroadas polos escudos familiares. Trátase dunha magnífica obra de enxeñería civil do barroco galego local. No seu interior é de destacar un magnífico salón con pinturas murais de vivas cores e o mobiliario en conxunto, con pezas moi interesantes, así como os restos dunha antiga colección de pinturas. Nun dos extremos do conxunto arquitectónico consérvase unha capela dedicada á Inmaculada Concepción.

Pazo de Rizal en Lagoa


Este pazo da parroquia de Lagoa, exemplo da arquitectura local dos pazos, está situado nun pequeno núcleo de poboación, a carón da estrada. A finca na que está situado ocupa unha gran chaira que chegaba até o río. O edificio está á beira dun recinto amurallado e pechado por un dos lados. Ó arredor do recinto esténdense as terras de traballo. O edificio ten unha planta irregular e muros de cachotería lucidos, cuberta de laxas. Ten dúas ás de igual altura que o corpo principal de dúas plantas. A unha destas ás está arrimado o corpo dunha magnífica capela barroca dedicada a San Rosendo. Dispón tamén dun marabilloso portalón de dobre arcada e dun muro exterior cos escudos e os brasóns da casa.

Retablo da Paixón de Cristo da igrexa parroquial de Bacoi


O monumento máis rechamante da parroquia de Bacoi, en Alfoz, é a súa igrexa parroquial, dedicada a Santa María. O templo construíuse na primeira metade do século XVIII e pódese considerar de estilo churrigueresco. Ten planta de cruz latina, cruceiro con cúpula hexagonal sobre pechinas e sancristía detrás da cabeceira. Na cúpula e nas pechinas hai pinturas do século XIX, representando ós evanxelistas e a Asunción da Virxe. A fachada é granítica, con arco adintelado sobre a porta e espadana de dous corpos. No interior do templo consérvanse retablos con esculturas, destacando sobre todos eles o Retablo da Paixón de Cristo, no que se recrea en trece escenas a paixón e a morte de Xesús, cunha imaxinería única na zona; este retablo, ó igual que a igrexa, é de estilo churrigueresco.

Igrexa parroquial de Santa Cruz


É a igrexa máis grande e, probablemente, a de máis mérito artístico do Valadouro. Construída sobre outra igrexa de orixe románico, data dos primeiros anos do século XVIII. Fórmana tres naves en planta rectangular cun presbiterio cadrado de pequeno tamaño. Os muros que a forman son de cachotería de granito. Os arcos interiores asentan sobre pilastras cadradas e ten un pórtico con tres grandes arcadas cunha inscrición na porta principal na que figuran as datas de 1715 e 1721. Ten bóveda no cruceiro, sobre a cal hai frescos de Casani reproducindo a historia do achado da Santa Cruz por parte de Santa Helena, a nai do emperador Constantino. O retablo principal é barroco, mentres que conta con varios retablos máis de estilo neoclásico.

Cascada da Pozo da Onza


As terras do val do río Ouro e das montañas que o bordean son ricas en xacementos acuíferos. No monte máis alto da zona, o Cadramón, nacen, entre outros, o río Ouro e o río Eume. Ademais, abundan as fontes e os pequenos regatos por todas as comarcas altas, vertendo os seus caudais á conca común do río Ouro, a raíña das correntes do Val. Son tamén frecuentes os saltos de auga, as cascadas. Para comezar, podemos destacar a cascada do Escouridal, preto do nacemento do río Ouro. Pero se unha destas cascadas é especialmente destacable é a que forma o famoso Pozo da Onza, situado nos montes do Buio, na parroquia de Budián. Despois de caer uns cantos metros entre verde vexetación, a auga forma abaixo un pozo dunha certa profundidade; a lenda conta que unha vez caeu ó pozo un carro e desapareceu por completo baixo a auga.

Conxunto megalítico dos montes Penidos de San Tomé


Nos arredores dos dous montes Penidos, na parroquia de Santo Tomé, atópanse moitos restos megalíticos, que se supoñen pertencentes ó período neolítico, dentro da Prehistoria. Podemos destacar o Prado das Chantas, que pode ser considerado o maior círculo lítico da península Ibérica e un dos maiores de Europa, aínda que segue a ser un misterio para o mundo académico, posto que aínda está sen estudiar debidamente. Inclúese no grupo dos curros veteros ou cousos. Na zona do Padorno debemos destacar tamén a presenza do famoso dolmen, datado polos expertos na Idade do Bronce antigo (1800-1500 a.C.). Trátase dunha cámara funeraria rectangular formada por catro esteos, estando constituída a súa cuberta por unha pequena elevación do terreo; a cámara é, polo tanto, subterránea.

Portada románica da igrexa de Santiago de Adelán


A parroquia de Santiago de Adelán xa existía dende o século VII. Algúns autores datan a portada da igrexa parroquial no século X, aínda que o resto da construcción é do século XVII. Tamén se conservan algúns elementos do século XII. A igrexa ten tres naves separadas por arcos de medio punto e a sancristía situada detrás da cabeceira. A fachada principal conserva a fachada románica, con arco de medio punto con dúas arquivoltas e columnas con capiteis figurativos. Son curiosas as basas, que son en realidade capiteis invertidos, o que fai pensar que nas reconstruccións da igrexa foron reutilizados elementos arquitectónicos anteriores. A igrexa tamén ten espadana con dous vanos e consérvanse retablos no interior da igrexa.

A Frouxeira


Pico situado entre os concellos de Foz e de Alfoz. Nel existiu no século XV unha fortaleza na que o Mariscal Pardo de Cela resistiu o asalto das tropas dos Reis Católicos, até ser prendido por estas grazas á traizón. Unha vez capturado o Mariscal, as tropas dos Reis Católicos destruíron a fortaleza, sen deixar pedra sobre pedra. Na actualidade só quedan algúns restos dos cimentos do antigo castelo. Dende o alto do pico da Frouxeira pódese contemplar unha ampla panorámica do Val do Ouro, sobre todo da parroquia alfocense de Carballido. Algunha lenda fala dun túnel subterráneo que na Idade Media comunicaba o castelo da Frouxeira co do Castro de Ouro, os dous de Pardo de Cela.

Castelo do Castro de Ouro


Está situado sobre un antigo castro romano, na parroquia do Castro. Ó longo da Idade Media o castelo pertenceu ó Bispo de Mondoñedo. Cando o Mariscal Pero Pardo de Cela casou con dona Isabel de Castro, filla do Conde de Lemos, parece que o tío de dona Isabel, o entón Bispo de Mondoñedo don Enrique de Castro, entregoullo como regalo de vodas. Cando degolaron a Pardo de Cela, no século XV, o castelo volveu ser propiedade do Bispo de Mondoñedo. O castelo é de planta cadrada e ten tres plantas e un subterráneo, no que se atopan os antigos alxubes. Durante algún tempo no pasado no castelo estiveron as oficinas da administración municipal do concello de Alfoz.